O grupo de investigación Gramática, Discurso e Sociedade (GRADES) está constituído por persoal investigador das áreas de Lingua Española e de Lingüística Xeral da Universidade de Vigo. Ten como principal cometido desenvolver investigación básica e aplicada sobre a linguaxe e as linguas dende unha perspectiva sociodiscursiva e funcional. A nosa oferta formativa desenvólvese en diferentes titulacións de grao e posgrao da Facultade de Filoloxía e Tradución, así como tamén no Programa de Doutoramento Interuniversitario de Estudos Lingüísticos.
A nosa experiencia no ámbito da investigación céntrase en liñas como as seguintes: análise da conversa, lingüística de corpus, bilingüismo, gramática e léxico, minorías lingüísticas, política lingüística, linguas de sinais, análise do discurso, lexicografía, escritura cotiá ou patoloxías da linguaxe. Entre as diferentes iniciativas de divulgación da investigación desenvolvidas, destaca a edición da revista Sociolinguistic Studies, que se publica desde o ano 2000, e dos Documentos de traballo en Ciencias da Linguaxe (DTCL), cuxo obxectivo é o de contribuír á visibilización dos resultados da investigación en marcha do grupo.